www.alvarodelavega.es

Álvaro de la Vega

Álvaro de la Vega nace en Paradela (Lugo) en 1954, lugar onde pasará a súa infancia e que terá gran influencia en toda a súa creación artística. Por motivos familiares, trasládase xunto coa súa familia a Luarca (Asturias) uns anos. Regresa a Lugo para finalizar os seus estudos de Bacharelato. É nesta cidade onde realiza a súa primeira exposición, da que só se conserva un cadro. Con vinte e dous anos trasládase a Barcelona para cursar estudos de Belas Artes. Nesta etapa inicial, a pintura é o seu medio habitual de expresión e as súas principais fontes de influencia a fotografía e o cómic, chegando a explorar o grafiti.

En 1990, tras instalarse en Corcubión (A Coruña), cando comeza a explorar a linguaxe escultórica. Para iso toma como punto de partida a figura, tanto humana como animal, “Somos pel sostida sobre unha estrutura. Por iso fixen un esqueleto como punto de partida”. É de novo en Barcelona onde realiza a súa primeira individual de escultura na Galería Tom Maddock en 1991. Estas primeiras obras de madeira caracterízanse polo uso da pintura como medio para potenciar o valor expresivo.

Durante a década dos 90, a súa linguaxe escultórica consolídase aparecendo outro tipo de materiais como o ferro, a cerámica ou a pedra, materiais vinculados á natureza ou ás profesións tradicionais “O ferro é un material humilde, cotián, no ferro fúndense o colectivo e o fugaz, o individual, o solitario, o estrito.” Os finais dos noventa inician unha etapa de intensa actividade expositiva, que se estende á actualidade, con presenza en importantes galerías e institucións. Ao mesmo tempo inicia a carreira internacional e a súa obra comeza a formar parte de destacadas coleccións públicas e privadas.

A mediados da primeira década deste novo século, o artista afonda na exploración da relación da obra co espazo. Para iso utiliza os máis diversos recursos, desde cables que se fixan a paramentos ou aos teitos xerando tensións, a cerramentos ou soportes que actúan como verdadeiras intervencións no lugar que ocupan. Esta interrelación entre espazo-obra-espectador continúa sendo na actualidade un dos eixos do seu discurso artístico, un discurso maduro e depurado que evoluciona gardando fidelidade absoluta aos seus principios fundamentais. En propias palabras do artista, “Antes que nada unha escultura é unha presenza que comunica cun baleiro e creo que por aí debe comezar o espectador”.