www.alvarodelavega.es

Fragmento de “Diálogo con Álvaro de la Vega” por Mercedes Rozas

[…]

M.R. Utilizas unha gran diversidade de materiais que se foron adherindo ao teu traballo.

A.V. Eu creo que é unha constante na evolución dun escultor a experimentación e incorporación de materiais. A pesar da gran profusión que a técnica aportou, eu móvome entre materiais máis próximas ao natural, ao cru, ao primitivo. Así e todo, non descarto nada no futuro; calquera substancia é linguaxe.

xxx

M.R. Con cal te sentes máis cómodo?

A.V. Bo, a madeira é a máis directa.

M.R. As pezas que presentas nesta última exposición son en barro. Semella como se na orixe estivese de novo o auténtico.

A.V. Si, tiña interese por manipular es materia tan amiga. O barro está omnipresente nas primeiras experiencias artísticas do home.

M.R. Tamén ultimamente incorporaches o arame.

A.V. Foi a solución para integrar a liña ás tres dimensións. É tan importante a liña… ademais é o vehículo expresivo do debuxo. É coma unha revalorización do debuxo na actividade do escultor…

M.R. Pero a espontaneidade do debuxo non se mantén de todo na escultura. Parece como un xogo entre o instintivo e o cerebral…

A.V. É cuestión de velocidade. O debuxo pode ter unha execución tan rápida como o propio pensamento. Cando configuramos unha idea con materiais máis recios son precisos retardos e reflexións adiante e atrás.
Neste cambio de ritmo hai ganancias e perdas, pero ao final, as tres dimensións, o espazo e a desaparición da trampa óptica do debuxo, lévannos a unha terminal que pode aportar novas expectativas e incluso cambiar o rumbo das ideas iniciais.

M.R. Cómo nacen os proxectos?

A.V. Sempre xorden da idea poética da realidade, esa mestura entre o mundo práctico e o mundo imposible… É como ver caer a chuvia informe e como xa no chan vai formando regos e buscando canles para discorrer.

M.R. Qué metáfora máis bonita! Pero a realidade na túa creación, ti terminas por fragmentala: mans e brazos, torsos, cabezas… separados do corpo.

A.V. Bo, unha obra ten uns límites físicos pero constantemente hai que decidir que presentas ou que omites. É como marcar a elipses de calquera linguaxe.

M.R.  Supoño que entón a ausencia pode ser tan importante como a presenza.

A.V. É un tramo moi interpretable e por tanto é onde o espectador pode restrinxir ou ampliar a súa propia idea do que esta a ver.

M.R.  O material manipúlalo ou te manipula el a ti?

A.V. Doulle oportunidades pero prefiro levar eu a voz cantante (risas).

M.R.  Con todo, a madeira, por exemplo, apórtache elementos que aproveitas con intención: nós, vetas, formas… ou é que partes sempre de cero coa primeira cicelada?

A.V. Prefiro partir dunha idea independente á forma do material, Na produción poden darse derivacións por esa causa pero intento que non me inflúa.
[…]

Álvaro de la Vega. Puntos de encontro, puntos de fuga. [Cat. Exp. Biblioteca Ánxel Casal]. Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Santiago de Compostela, 2009.