Biografía

Álvaro de la Vega nace en Paradela (Lugo) en 1954, lugar onde pasará a súa infancia e que terá grande influencia en toda a súa creación artística. Por motivos familiares, trasládase xunto coa súa familia a Luarca (Asturias) uns anos. Regresa a Lugo para rematar os seus estudos de Bacharelato. É nesta cidade onde realiza a súa primeira exposición, da que só se conserva un cadro. Con vinte e dous anos trasládase a Barcelona para cursar estudos de Belas Artes. Nesta etapa inicial, a pintura é o seu medio habitual de expresión e as súas principais fontes de influencia a fotografía e o cómic, chegando a explorar o graffiti.

É en 1990, tras instalarse en Corcubión (A Coruña), cando comenza a explorar a linguaxe escultórica. Para elo toma como punto de partida a figura, tanto humana como animal, “Somos pel sostida sobre unha estructura. Por eso fixen un esqueleto como punto de partida”. É de novo en Barcelona onde realiza a súa primeira exposición individual de escultura na Galería Tom Maddock en 1991. Estas primeiras obras de madeira caracterízanse polo uso da pintura como medio para potenciar o valor expresivo.

Durante a década dos 90, a súa linguaxe escultórica consolídase aparecendo outro tipo de materiais como o ferro, a cerámica ou a pedra, materiais vinculados á natureza ou as profesións tradicionais. “O ferro é un material humilde, cotiá;  no ferro  fúndense o colectivo e o fugaz, o individual, o solitario, o estricto”. Os finais dos noventa inician unha etapa de intensa actividade expositiva, que se extende ata a actualidade, con presenza en importantes galerías e institucións. Ó mesmo tempo inicia a carreira internacional e a súa obra comenza a formar parte de destacadas coleccións públicas e privadas.

A mediados da primeira década deste novo século, o artista profundiza na exploración da relación da obra co espazo. Para elo utiliza os máis diversos recursos, desde cables que se fixan a paramentos ou ós teitos xerando tensións, a cerramentos ou soportes que actúan como verdadeiras intervencións no lugar que ocupan. Esta interrelación entre espazo-obra-espectador continúa sendo na actualidade un dos eixos do seu discurso artístico, un discurso maduro e depurado que evoluciona gardando fidelidade absoluta aos seus principios fundamentais. Nas propias palabras do artista:  “Antes que nada unha escultura é unha presenza que comunica cun valeiro e creo que por aí debe comezar o espectador”.